Axudas económicas ás familias para a conciliación en situacións puntuais e períodos de vacacións escolares a través do Bono Concilia Familia

Axudas ás familias con nenos e nenas residentes en Galicia  menores de 13 anos, para a atención de necesidades de conciliación de carácter puntual ou durante os períodos de vacacións escolares, que teñan lugar entre o 1 de xaneiro e o 8 de setembro  de 2023. Entenderanse como períodos de vacacións escolares os seguintes:

– Do 1 ao 6 de xaneiro.

– Os días 20, 21 e 22 de febreiro.

– Do 3 ao 10 de abril.

– Do 22 de xuño ao 8 de setembro.

Accións e gastos subvencionables

Para ter dereito ás axudas previstas nesta orde as familias deberán acreditar atoparse nun dos seguintes supostos:

1. Supostos de necesidades puntuais que a continuación se relacionan:

  • Enfermidade ou accidente do neno ou nena  ou da persoa coidadora habitual.
  • Asistencia da persoa coidadora habitual a entrevistas de traballo ou cursos de formación que impidan a atención do neno ou nena.
  • Situacións puntuais de carácter laboral da persoa coidadora habitual que impidan a atención do neno ou nena.
  • Situacións puntuais de coidado de familiares, do neno ou nena ou da persoa coidadora habitual, ata o segundo grao de parentesco por consanguinidade ou afinidade sempre que impidan a atención do neno ou nena.

2. Necesidades en períodos de vacacións escolares que se producen cando os centros educativos están pechados por vacacións sempre que ambos pais /nais, persoas titoras,acolledoras, gardadoras con fins adoptivos, familias monoparentais  ou pais /nais  con custodia non compartida acrediten que por motivos laborais non poden facerse cargo da  atención do neno ou nena.

Gastos Subvencionables

Poderán ser obxecto de subvención os seguintes  gastos derivados dos medios empregados para a atención de nenos e nenas menores de 13 anos de idade:

  • Contratación laboral dunha persoa empregada do fogar de forma temporal para o coidado do neno ou nena. Tamén as ampliacións horarias  de contratos laborais preexistentes que se realicen con esta finalidade.
  • Contratación de servizos de atención á infancia a domicilio.
  • Asistencia a servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social e Xuventude.
  • Asistencia a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares.

Tipo de axuda e contía.

A axuda consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100% do custo das actuacións previstas.

Contía

A contía máxima da axuda será :

  • De 500 euros por unidade familiar no caso de contratación dunha persoa empregada do fogar ou de servizos de atención á infancia a domicilio.
  • De 200 euros por cada neno ou nena no caso de asistencia a servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social  e Xuventude ou a  campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares.