Fedellando coas STEAM 2026
Fedellando coas STEAM 2026
Fedellando coas STEAM é un campamento urbano que forma parte do programa Currunchiños de Conciliación e que busca ofrecer unha alternativa de lecer para nenos e nenas durante os períodos vacacionais e de conciliación para as familias.
As familias monoparentais afrontan unha menor dispoñibilidade de apoios familiares para o coidado. Existe una ausencia de corresponsabilidade intrafamiliar derivada da existencia dunha única persoa adulta responsable. Presentan maiores dificultades para compatibilizar emprego, formación e coidados. Constitúen o colectivo prioritario de intervención de FAGAMOS e o público obxectivo principal do programa.
Con este campamento, ofrécese un espazo de coidado no que se promove a aprendizaxe a través do xogo e o desenvolvemento de proxectos, aplicando sempre metodoloxías activas. As actividades, xogos e obradoiros estarán centrados nas disciplinas STEAM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas) co obxectivo de fomentar as competencias e vocacións científico-tecnolóxicas, especialmente nas nenas e nas familias en risco de exclusión social, contribuíndo así a mitigar a fenda dixital e de xénero.
Cada semana as actividades empregarán como fío conductor unha temática relacionada coa corresponsabilidade e a igualdade (familias, profesións, espazo exterior, mulleres científicas, transportes, casas do futuro, etc.).
O campamento
![]()
- Dirixido a: nenas e nenos de 3 a 12 anos
- Prezo: Gratuito
- Prazo de solicitude: Do 22/06/26 ás 07:30 a 24/06/26 ás 23:59 (Ampliado ata o 05/07/26 ás 23:59)
- Onde: A Coruña
- Datas: Luns a venres do 29 de xuño ao 8 de setembro de 2026
- Horarios: 7:30 a 14:00 (inclúe servizo madrugadores)
- Nº de prazas: 40 prazas
- Imparte:
Máis información
-
Quendas
As quendas son dunha semana de duración (días laborables), excepto na semana 11, na que a quenda será de só dous días.
Cada neno ou nena poderá participar en dúas quendas como máximo (poden ser seguidas ou non).
- Semana 1 (29/06 – 03/07)
- Semana 2 (06/07 – 10/07)
- Semana 3 (13/07 – 17/07)
- Semana 4 (20/07 – 24/07)
- Semana 5 (27/07 – 31/07)
- Semana 6 (03/08 – 07/08)
- Semana 7 (10/08 – 14/08)
- Semana 8 (17/08 – 21/08)
- Semana 9 (24/08 – 28/08)
- Semana 10 (31/08 – 04/09)
- Semana 11 (07/09 – 08/09)
-
Que está incluido
A concesión da praza inclúe o equipamento e material necesario para o desenvolvemento das actividades do Campamento Fedellando coas STEAM, que inclúe servizo madrugadores e prestarase en horario de luns a venres, de 7:30 a 14:00 horas, sen custo algún para as familias.
-
Criterios de adxudicación de prazas
As prazas adxudicaranse do seguinte xeito, ata esgotarense:
Como criterio xeral de acceso, as solicitudes ordenaranse de menor a maior renda per cápita da unidade familiar, tendo prioridade aquelas con menor capacidade económica.
En caso de empate na renda per cápita da unidade familiar, terán preferencia as familias monoparentais. Se persistise o empate, valorarase a concorrencia dalgunha das seguintes circunstancias:
- Ser vítima de violencia de xénero ou doutras formas de violencia contra as mulleres.
- Ter recoñecida unha discapacidade.
- Atoparse en situación ou risco de exclusión social.
- Ser persoa solicitante de protección internacional ou con estatuto de refuxiada.
- Existencia de responsabilidades adicionais de coidado de persoas dependentes, maiores ou familiares con necesidades específicas de apoio.
Se persistise o empate tras a aplicación dos criterios anteriores, terán preferencia as familias monoparentais asociadas a FAGAMOS.
Conforme aos criterios establecidos polas bases reguladoras do Plan Corresponsables en Galicia, será criterio de valoración preferente no acceso aos servizos de coidado profesionalizado o nivel de renda per cápita das unidades familiares solicitantes, salvo casos debidamente xustificados de necesidade inmediata de prestación do servizo.
Excepcionalmente, e con independencia da renda per cápita da unidade familiar, poderase priorizar o acceso ao servizo cando concorran circunstancias sobrevidas e debidamente acreditadas que xustifiquen unha necesidade inmediata de conciliación.
Terán esta consideración, entre outras, a incorporación inmediata a un posto de traballo, a participación en accións formativas orientadas ao emprego, a enfermidade grave ou hospitalización da persoa solicitante ou da persoa coidadora habitual, así como outras circunstancias de especial vulnerabilidade social ou familiar debidamente acreditadas.
A valoración destas situacións corresponderá a FAGAMOS, que resolverá de forma motivada atendendo ás circunstancias concorrentes en cada caso.
ACREDITACIÓN DA SITUACIÓN ECONÓMICA
A situación económica da unidade familiar acreditarase mediante a presentación da declaración do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) do exercicio 2024 correspondente a todas as persoas adultas integrantes da unidade familiar.
A renda per cápita da unidade familiar calcularase dividindo a suma das bases impoñibles xeneral e do aforro entre o número total de membros da unidade familiar.
Para os efectos deste programa, entenderase por unidade familiar a formada pola persoa titora solicitante, a súa cónxuxe ou parella de feito, de ser o caso, e as fillas e fillos menores de 26 anos que convivan no mesmo domicilio (ou que residan temporalmente fóra por motivo de estudos) e dependan económicamente dela. Tamén se considerarán integrantes da unidade familiar as fillas e fillos de 26 ou máis anos que convivan no domicilio familiar e teñan recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 33 % e dependan económicamente dos ingresos familiares. Non se considerarán integrantes da unidade familiar outras persoas conviventes que, aínda residindo no mesmo domicilio, non formen parte da unidade familiar da persoa solicitante nin dependan económicamente dela.
Unha familia monoparental soporta os gastos que normalmente recaerían sobre dúas persoas adultas cunha soa fonte principal de ingresos e unha única persoa responsable dos coidados, polo que no caso das familias monoparentais, co fin de reflectir adecuadamente as especiais dificultades de conciliación e a ausencia de corresponsabilidade intrafamiliar que as caracterizan, para o cálculo da renda per cápita considerarase que a persoa proxenitora monoparental computa como dúas persoas adultas.
No caso de non existir obriga de presentar declaración da renda, ou cando esta non reflicta axeitadamente a situación económica actual da unidade familiar (desemprego recente, separación, falta de pagamento de pensións alimenticias ou outras circunstancias sobrevindas), FAGAMOS poderá valorar documentación complementaria acreditativa.
-
Documentación a aportar na solicitude
1) Libro de familia
2) Acreditación das circunstancias familiares indicadas no formulario a efectos de telas en conta para a preferencia de acceso (monoparentalidade, discapacidade, etc.) . De non recibirse a correspondente documentación acreditativa, ditas circunstancias non serán tidas en conta. IMPORTANTE: A condición de familia monoparental deberá acreditarse presentando o correspondente certificado oficial de familia monoparental.
3) Declaración da renda do exercicio 2024 das personas adultas que conforman a unidade familiar.
No caso de que os ingresos anuais, segundo as circunstancias familiares, non se imputen na declaración da renda das persoas físicas, será obrigatorio acreditar a existencia ou inexistencia de ingresos, mediante documentación complementaria como:
- Certificado do INEM, no caso de recibir prestación ou subsidio de desemprego, correspondente ao exercicio 2024.
- Certificación do Instituto da Seguridade Social ou organismo correspondente, correspondente ao exercicio 2024, no caso de percibir unha pensión contributiva de xubilación, invalidez, viuvez ou orfandade….
- Certificación acreditativa dos ingresos correspondente ao exercicio 2024 no caso de percibir ingresos procedentes de pensións non contributivas, fondos de asistencia social, rendas de integración social de Galicia ou da lei de integración social das persoas con discapacidade.
- Informe dos servizos sociais comunitarios que acrediten a situación de vulnerabilidade económica e/ ou problemática sociofamiliar grave.
Para os casos nos que a capacidade económica da unidade familiar experimentara un deterioro significativo en relación co exercicio utilizado para a análise da capacidade económica, as persoas solicitantes poderán manifestar tal circunstancia acreditando a nova situación económica, achegando a documentación xustificativa correspondente ao exercicio 2025, así coma a correspondente ao exercicio 2024 (coa finalidade de acreditar o deterioro), indicando no formulario de solicitude (outras situacións especiais) o motivo do deterioro económico (despido, liquidación empresarial, etc.) e aportando documentación que o acredite.
-
Confirmación da praza
As prazas iranse confirmando ás persoas beneficiarias a través dun correo electrónico, a medida que se vaian adxudicando (compobar spam) e disporán dun prazo de 24 horas para aceptar a praza, en caso contrario perderase o dereito a gozar dela e a mesma asignarase a outra persoa seguindo a orde de prioridade.
As persoas non beneficiarias non recibirán ningunha notificación e quedarán en lista de agarda.
As prazas que queden vacantes ofertaranse ás personas solicitantes en lista de agarda, seguindo a mesma orde de prioridade. No caso de non ocuparse todas as prazas dispoñibles, abriríase un segundo prazo de inscrición para dar opción a recibir solicitudes de novas persoas, seguindo os mesmos criterios de acceso que no primeiro prazo.
Se aínda quedaran prazas dispoñibles, ofreceríase a posibilidade de desfrutar de máis de dúas quendas por neno ou nena.
A aceptación da praza compromete á asistencia e aproveitamento da mesma. En caso de incumprimento a praza será cedida a outro neno ou nena que estea en lista de espera.
ASIGNACIÓN DE CENTRO
O campamento desenvolverase nos espazos EnxeñoLabs na cidade de A Coruña:
- Novo Mesoiro (Avda. de Novo Mesoiro, 23)
- María Pita (Praza Marqués de San Martín, 2)
A asignación do centro correspondente a cada participante será determinada atendendo a criterios de dispoñibilidade e organización interna no momento da adxudicación das prazas. Tratarase de facilitar ás familias a praza no centro máis próximo ao seu domicilio.
-
Normas do campamento
- Puntualidade.
- Respectar aos compañeiros/as e ao persoal.
- Avisar con antelación as asusencias, atrasos, etc.
- Non asistir en caso de enfermidade infecto-contaxiosa.
- Cada partipante deberá coidar e respectar o material.
- Evitar traer obxectos suceptibles de extraviarse ou romper. (Excepción: xoguetes de apego).
- As pertenzas dos/as participantes deben estar marcadas con nome e apelidos.
- Non se poderá comer durante a actividade.
É importante que os/as participantes cumpran as normas especificadas anteriormente e presenten un comportamento adecuado que permita o correcto desenvolvemento da actividade. En caso de faltar ás normas, presentar comportamentos disruptivos que impidan o correcto funcionamento da actividade ou poñan o perigo a súa integridade física ou a dos/as compañeiros/as, o/a participante recibirá en primeira instancia un aviso por escrito, se o comportamento persiste retirarase de forma inmediata o dereito á praza asignada e, por tanto, ao goce da actividade.
-
Servizos complementarios opcionais
O programa “Currunchiños de Conciliación”, promovido por FAGAMOS e financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade e o Ministerio de Igualdade a través do Plan Corresponsables, subvenciona ás familias o Campamento Fedellando coas STEAM, en horario de luns a venres, de 7:30 a 14:00 horas, que inclúe servizo madrugadores.
A entidade que colabora con FAGAMOS para a realización do campamento (EnxeñoLabs) pon a disposición das familias participantes outros servizos complementarios de carácter voluntario, tales como ampliación horaria e/ou servizo de comedor, que non forman parte das actuacións financiadas por este programa nin están incluídos no servizo subvencionado.
Co fin de facilitar a organización, o formulario de inscrición permitirá ás familias manifestar o seu interese nestes servizos complementarios. Non obstante, a súa contratación, xestión, condicións de prestación, pagamento e, se é o caso, cancelación, realizaranse directamente entre a familia interesada e a empresa prestadora do servizo.
FAGAMOS actúa unicamente como entidade promotora do servizo subvencionado de conciliación e non asume ningunha responsabilidade respecto da contratación, prestación, incidencias, cobros ou calquera outra cuestión relacionada cos servizos complementarios contratados directamente entre as familias e a empresa prestadora.

