Na actualidade en España non existe unha lei integral que defina, regule e protexa ás familias monoparentais. O que temos son distintas leis e decretos que provocan unha situación dispar e irregular. Isto fai que os criterios para que unha familia sexa considerada como monoparental sexan distintos dependendo de cada comunidade autónoma, ou incluso de cada municipio.
En Galicia a Lei de Apoio á Familia e Convivencia do ano 2011 define ás familias monoparentais e as recoñece como familias de “especial consideración”. A definición inicial modificouse en febreiro de 2021 coa publicación da Lei de Impulso Demográfico de Galicia para, segundo reflicte, adaptalo á realidade social destas familias.
Requisitos para ser familia monoparental en Galicia
En Galicia, considérase familia monoparental ao núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora e os fillos e fillas ao seu cargo. O/A proxenitor/a non debe convivir con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal. Ademáis, deberán cumprir os seguintes supostos:
a) Homes ou mulleres que afrontan a paternidade ou a maternidade en solitario.
b) Familias formadas por unha ou un cónxuge viúvo e os fillos e fillas.
c) Familias formadas por un pai ou unha nai que queda a cargo das fillas e fillos sen que haxa custodia compartida.
Tamén se consideran fillo ou filla os nenos e nenas que se atopen en situación de tutela ou acollemento e os/as concibidos ou concibidas.
Se a túa familia se atopa en algunha destas situacións, podes solicitar o certificado de familia monoparental. Solicítase na Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Xeográfica da Xunta de Galicia. Nesta ligazón contámosche como podes tramitalo.
O que non contempla esta definición
Esta definición deixa fora de protección ás familias que atravesan características persoais e sociais especiais. Nalgunhas familias, a súa situación administrativa non se atopa incluida nos supostos contemplados na definición. Isto pasa, por exemplo, en caso de ausencia temporal forzada dunha das persoas proxenitoras (encarcelamento, enfermidade, migración, etc).
Por outra banda, na expresión “relación análoga á conxugal” temos un problema. Nela subxace o concepto de familia biparental heterosexual unida polo vínculo matrimonial como modelo de familia de referencia. Isto deixa a trasluz a unha idea machista. É dicir, que a muller que é nai a soas precisa da convivencia cun home para deixar de ser unha familia “incompleta” ou “de segunda”.
Familias Diversas
A sociedade evolucionou. Así, aumentou o respecto, aceptación e recoñecemento de que existe unha diversidade de familias, máis aló do modelo tradicional biparental. Pero as políticas públicas non seguen o mesmo paso, xa que non se recoñece ás familias monoparentais como un modelo de familia máis, nun plano de igualdade ás outras, senon como unha “situación familiar” a atender só en casos de excepcional vulnerabilidade.
O recoñecemento das familias monoparentais non debe pasar por ser simplemente a concesión dunha licencia administrativa. O foco debe poñerse nos dereitos dunha realidade familiar que ten que ser tratada con equidade e que non debe quedar agochada nun procedemento.
Deixa unha resposta