You are here: Home / Vai Tranquila

SERVIZO VAI TRANQUILA

“Vai Tranquila” é un servizo profesional de coidado infantil no fogar que forma parte do programa Currunchiños de Conciliación. Está promovido e organizado por FAGAMOS e cofinanciado polo Plan Corresponsables. Ministerio de Igualdade, Goberno de España e pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia.
Trátase dunha actuación que busca ofrecer coidados persoais básicos e/ou de atención e lecer educativo a nenos e nenas de 4 meses ata 12 anos no seu domicilio (ata 16 anos no caso de necesidades especiais). Dirixido prioritariamente a familias monoparentais, ante as necesidades de conciliación durante o periodo estival.
O servizo estará dispoñible no verán de 2025 nos concellos de Noia, Porto do Son, Santiago de Compostela e Vigo.

Información xeral do servizo

O servizo Vai Tranquila é un servizo profesional de coidado infantil no fogar que forma parte do programa “Currunchiños de Conciliación”. Está promovido pola Asociación de Familias Monomarentais de Galicia (FAGAMOS) e cofinanciado polo Plan Corresponsables. Ministerio de Igualdade, Goberno de España e pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia.

Trátase dunha actuación que busca ofrecer coidados persoais básicos e/ou de atención e lecer educativo a nenos e nenas desde 4 meses ata 12 anos no seu domicilio (no caso de menores con necesidades especiais amplíase o rango de idade ata os 16 anos) e está dirixido principalmente ás familias monoparentais en resposta á necesidades de conciliación durante o período estival.

O servizo é gratuíto e ofrécese nos concellos de Noia, Porto do Son, Santiago de Compostela e Vigo.

O periodo estimado de funcionamento xeral do servizo é do 3 de xullo ao 30 de setembro de 2025, ou, no seu caso, finalizando cando se esgote o orzamento concedido para a súa prestación.

O horario xeral do servizo será de luns a domingo de 7:00 a 22:00 h.

En calquera caso, cada localidade terá o seu propio calendario de servizo, onde se detallarán as datas e horas dispoñibles para cada unha delas, que non teñen porqué coincidir coas xerais do servizo nin coas doutras localidades. Estes calendarios son dinámicos e poderán modificarse en función da demanda de solicitudes recibida, co fin de garantir o mellor funcionamento e aproveitamento do servizo e a optimización dos recursos dispoñibles (persoas traballadoras).

As familias poden solicitar un servizo puntual para un día en concreto ou un servizo regular (que se repita varios días). O servizo préstase en tramos de catro horas seguidas. Cada servizo debe ser dun mínimo de 4 horas seguidas (un tramo) e un máximo de 8 horas ao día (dous tramos de catro horas cada un que poden ser seguidos ou con distancia horaria entre eles), cun total acumulado en todo o verán de máximo 60 horas por familia (quince tramos de 4 horas seguidas cada un).

Os motivos de conciliación polos cales se pode solicitar o servizo son:

  • Laborais
  • Realizar formacións
  • Asistir a entrevistas de traballo
  • Facer xestións ou atender calquera obriga ante organismos públicos ou privados
  • Participación nun evento social, cultural ou deportivo
  • Enfermidade da persoa que ten as responsabilidades parentais
  • Autocoidado
  • Respiro familiar
  • Outras necesidades ou circunstancias persoais debidamente acreditadas que serán valoradas polo equipo técnico de FAGAMOS

Todas as persoas que traballan no servizo teñen titulación oficial acreditada enmarcada no ámbito dos coidados (Educación infantil e primaria, monitores/as de lecer e tempo libre, técnico/a superior en Animación Sociocultural e Turística, técnica/o superior en Ensino e Animación Sociodeportiva ou titulaciós análogas, etc.)

Tamen se lles esixe a todas elas certificado de ausencia de antecedentes penais e de delitos de natureza sexual e están obrigadas a cumplir cos principios de respecto, confidencialidade e profesionalidade.

As tarefas que poden realizar durante a prestación do servizo son as seguintes:

  • Actividades lúdicas cos xogos e xoguetes disponibles no domicilio do/da menor.
  • Actividades de apoio na realización de tarefas escolares,  a partir dos libros e materiais escolares que teña o/a neno/a, tendo en conta que non se trata dun reforzo escolar. Non é obrigación das/dos traballadoras/es supervisar e asegurarse de que os/as nenos/as realizan as tarefas escolares diarias.
  • Actividades de contacontos e animación á lectura.
  • Actividades artísticas e creativas.
  • Alimentación: Cando o horario coincida coa necesidade de proporcionar aos nenos e nenas algún alimento (biberón ou papilla no caso de bebés, almorzo, comida, merenda ou cea nos demais casos), preparará e proporcionará aos nenos e nenas os alimentos correspondentes ao momento do día. As comidas que requiran cociñado deberán estar realizadas previamente pola familia, sendo a responsabilidade do/da traballador/a o quentado ou a preparación de alimentos non cociñados (biberóns, bocadillos, froita, etc.).
  • Actividades de hixiene dos/das menores: con carácter xeral apoiarase aos nenos e nenas no lavado de mans, dentes, así como na micción e defecación se o requiren. Nos casos de bebés, realizarase o cambio de cueiros, que deben ser proporcionados pola familia. Nos casos de incontinencia ou falta de control de esfínteres de nenos e nenas maiores de tres anos, realizarase o cambio de cueiros (no caso de que se usen) ou o lavado e cambio de roupa, proporcionada pola familia.
  • Dispensar coidados a os/as menores enfermos en ausencia das persoas responsables proporcionando medicación en caso de enfermidade, segundo prescricións médicas e sempre que as persoas responsables autoríceno e faciliten as instrucións e orientacións necesarias en relación co seu estado de saúde. En ningún caso o/a traballador/a asumirá coidados para os que se requira formación sanitaria de grao ou de formación profesional ou coñecementos específicos para o tratamento de determinadas enfermidades ou patoloxías.
  • Desprazarse ao exterior da vivenda ata zonas comunitarias, xardíns, parques ou zonas deportivas próximas ao domicilio. Para iso débese contar coa autorización expresa da persoa responsable dos/das menores e facer o desprazamento a pé. O/a traballador/a realizará xogos ao aire libre e apoiará no uso de instalacións infantís.
  • Acompañar aos nenos e nenas desde o domicilio a centros ou actividades infantís da súa contorna próxima e viceversa. Para iso débese contar coa autorización expresa da persoa responsable dos nenos e nenas. Os desprazamentos deben facerse a pé.

Que NON poden facer as/os traballadoras/es do servizo:

  • Está excluida a realización de tarefas relacionadas co servizo doméstico salvo que estas estean vencelladas estritamente ao benestar do/da menor.
  • As persoas coidadoras non se responsabilizarán de menores non beneficiarios que poidan atoparse no  domicilio mentres se preste o servizo.
  • Con carácter xeral, exclúese o acompañamento do ou da menor ao ou á pediatra. Só se fará con carácter excepcional cando se produza unha emerxencia que poida poñer en perigo a súa saúde durante a realización das tarefas contempladas no parte de servizo. Este acompañamento será comunicado de forma inmediata para dar aviso á persoa proxenitora, persoa guardadora ou coidadora para o seu coñecemento e posterior recollida do/da menor.
  • Non se permite que as persoas coidadoras realizen desplazamentos cos/coas menores en ningún medio de transporte, nin público nin privado (coche, autobús, etc.). Está expresamente prohibido que as familias soliciten ás persoas coidadoras o uso do vehículo particular, tanto da propia familia como das persoas coidadoras.
  • As tarefas propias do coidado de animais de compañía.

As familias solicitantes deben coñecer as normas de uso e condicións do servizo, comprometéndose ao seu cumprimento. Podes ler o texto completo nesta ligazón:  Normas de uso e condicións do servizo

Aquí facémosche un resumo das principais:

  • Informar adecudadamente das condicións do/da menor, especialmente se require atención médica, apoio especial ou presenta condutas que poidan implicar riscos para a súa seguridade ou a doutras persoas.
  • Condicións de habitabilidade e hixiénico sanitarias adecuadas na vivenda.
  • Acceso a auga e alimentos necesarios para os/as menores e dotación dos produtos hixiénicos necesarios para o seu coidado: xabón, cueiros, cremas, etc.
  • Durante a prestación do servizo non poderán acceder nin permanecer na vivenda persoas que non figuren como beneficiarias do mesmo ou que non foran previamente autorizadas de forma expresa través do Anexo IV. No caso de que permanezan no domicilio outros membros da familia ou convivintes que precisen de coidados persoais, deben facelo acompañados doutra persoa adulta coidadora (tamén autorizada co Anexo IV).
  • Durante a prestación do servizo, requírese ausencia de persoas con patoloxías mentais ou toxicomanías e de presuntos agresores nos casos de violencia de xénero.
  • As familias poden autorizar á persoa coidadora a saír fora da vivenda para acompañar ás/aos menores a actividades no exterior, cumprimentando o Anexo II. Nese caso, deben facilitárselle chaves da casa (salvo que permaneza na casa outra persoa, previamente autorizada mediante o Anexo IV). As saídas deben ser na contorna do domicilio, sempre dentro do mesmo concello e non está permitido en ningún caso o uso de transporte, nin público nin particular, para desprazamento da persoa coidadora cos/coas menores.
  • As persoas traballadoras do servizo non poden quedar pechadas na casa cos nenos/as sen posibilidade de saída ante unha emerxencia, deben dispoñer das chaves da casa ou ben que a porta da vivenda teña un sistema que permita a saída desta persoa coidadora e dos nenos e nenas ante unha posible situación dese tipo.
  • As persoas traballadoras do servizo só poderán administrar medicación ás/aos menores con autorización expresa previa da persoa responsable do menor, notificada a FAGAMOS a través do Anexo III.
  • Non solicitar ás persoas coidadoras o seu número de teléfono persoal, non están autorizadas a facilitalo. A familia pode chamar á persoa traballadora ao teléfono fixo do domicilio ou, se o desexa, facilitarlle un terminal móbil para poder manter contacto con ela exclusivamente durante o tempo de prestación do servizo. Calquera comunicación que sexa preciso realizar á persoa traballadora fóra do seu horario de traballo debe canalizarse a través de FAGAMOS, polas vías indicadas no apartado “Incidencias no servizo”.
  • Non está permitido deixar sós aos/ás menores no domicilio esperando a chegada das persoa coidadora. Os/as menores serán entregadas só ás persoas autorizadas ao finalizar o servizo.
  • Cumprir co horario acordado, sendo sempre puntuais.

DESCARGA AQUÍ O FORMULARIO DE SOLICITUDE

As solicitudes poden realizarse desde o 1 de xullo ata o 30 de setembro de 2025. As familias poderán presentar tantas solicitudes como desexen mentres queden horas de servizo dispoñibles (consulta máis abaixo o calendario da túa localidade), ata completar un máximo de 60 horas de uso total do servizo (se quedaran horas libres non demandadas por outras persoas, podería chegar a ampliarse ese límite).

Onde presentar a solicitude:

  • Presencialmente na sede de FAGAMOS (con cita previa): Rúa Curro, nº 31 – 1ª planta – Edificio Fontán – 15200 Noia (A Coruña). Teléfono cita previa: 633817849. Podemos axudarte a cubrir a solicitude. Se a traes cuberta, debe vir asinada con firma manuscrita orixinal.
  • Por mail a asociacion@fagamos.com: Nese caso a solicitude debe presentarse asinada pola persoa solicitante con certificado electrónico. Neste enlace explícase como obter o certificado electrónico de cidadan (persoa física) se non o tés: https://www.sede.fnmt.gob.es/certificados/persona-fisica
  • No caso de non dispoñer de certificado electrónico tamén podes adiantar a túa solicitude por mail para facer a reserva das horas de servizo que che interesen e, unha vez recibas a súa aceptación, enviar por correo postal a solicitude asinada con firma manuscrita orixinal a: FAGAMOS – Rúa Curro, nº 31 – 1ª planta – Edificio Fontán –  15200 Noia, (nun prazo máximo de 7 días naturais a partir de que che confirmemos a aceptación das horas solicitadas). 

MOI IMPORTANTE:  O formulario de solicitude debe entregarse asinado, con todos os campos cubertos e marcados con X os cuadriños de aceptación de normas e condicions de uso do servizo, de protección de datos e de veracidade da información proporcionada. As solicitudes que cheguen incompletas serán rexeitadas. 

As horas de servizo adxudicaranse a medida que se vaian recibindo e aceptando solicitudes, seguindo este orde de prioridade, ata adxudicar todos os ocos dispoñibles:

1º Familias monoparentais galegas asociadas a FAGAMOS. Como asociarte.

2º Familias monoparentais galegas asociadas a outras entidades de familias monoparentais e/ou familias galegas que acrediten estar inscritas no Registro FAMiliaS da federación de familias monomarentais (FAMS).

3º Familias monoparentais galegas non asociadas.

4º Familias con mulleres vítimas de violencia de xénero e outras formas de violencia contra a muller, mulleres en situación de risco de desemprego de longa duración, mulleres maiores de 45 anos ou unidades familiares nas que existan outras cargas relacionadas cos coidados.

5º Resto de familias.

No caso de que coincidiran varias solicitudes para as mesmas horas dentro do mesmo grupo de prioridade, terase en conta en primeiro lugar o nivel de renda e de cargas familiares e en segundo lugar a data de solicitude.

A adxudicación do servizo tamén dependerá do número de traballadores/as dispoñibles en cada momento para cada localidade, tendo en conta que se asignará unha persoa traballadora para un máximo de dous/dúas menores. No caso de grupos de tres a cinco menores, asignaranse dúas persoas traballadoras. Nos casos de menores con discapacidade que requiran atención persoal especializada, contabilizarase a cada menor como equivalente a dous/dúas menores a efectos de determinar o número de traballadores/as necesarios/as.

No caso de que non se cubriran as horas de servizo dispoñibles coas solicitudes recibidas para estas localidades, cabería a posibilidade de habilitar o servizo nalgún outro concello e/ou ampliar o número de horas totais dispoñibles por familia. No caso de que chegara a ofrecerse o servizo nalgún concello distinto aos mencionados, os custos e o tempo de desprazamento da persoa traballadora ata o domicilio familiar poderían ser repercutidos ás familias solicitantes do servizo, se estes non estiveran cubertos polos fondos do Plan Corresponsables.

FAGAMOS poñerase en contacto (via mail ou telefónica) só coas persoas cuxa solicitude sexa aceptada. É aconsellable revisar a bandexa de correo electrónico non desexado por se as mensaxes puideran entrar como spam.

Ás persoas ás que se lles notifique a aceptación da súa solicitude, indicaráselles tamén nese momento a documentación complementaria que deberán presentar para completar a adxudicación do servizo, que deberán enviar por mail a asociacion@fagamos.com no prazo de 48 horas hábiles. De non ser así, desestimarase a solicitude e as horas de servizo solicitadas poñeranse a disposición doutras familias.

Unha vez confirmado o servizo a unha familia, as horas adxudicadas deixarán de estar dispoñibles no calendario da localidade correspondente. Polo tanto as persoas solicitantes que non recibiran chamada ou mensaxe confirmando a aceptación da súa solicitude, deberán entendela como desestimada se as horas solicitadas xa non figuran como dispoñibles no calendario da localidade correspondente.

En calquera caso, as solicitudes que non foran aceptadas quedarán en lista de agarda por se houbera algunha baixa ou algunha renuncia e se lle puidera ofrecer posteriormente o servizo. Nese caso, contactarase telefónicamente coas persoas solicitantes para que confirmen se continúan interesadas en dispoñer do servizo solicitado.

As persoas ás que se lle confirme a aceptación da súa solicitude, deberán enviar a asociacion@fagamos.com, dentro do prazo de tempo establecido e indicando no asunto da mensaxe SERVIZO VAI TRANQUILA + nome da persoa solicitante, a seguinte documentación:

Documentación obrigatoria en todos os casos

  • DNI/NIE/Pasaporte da persoa solicitante e de todas as persoas maiores de 14 anos que formen parte da unidade familiar.
  • Documentación que acredita a relación da persona solicitante co/coa(s) menor(es) beneficiarios/as do servizo: libro de familia ou resolución xudicial ou administrativa.
  • Copia da última declaración da renda, ou no seu defecto, declaración responsable de ingresos.

Documentación acreditativa de prioridade de acceso ao servizo

Esta documentación debe presentarse só se na solicitude se indicou atoparse nalgunha das circunstancias consideradas como criterio de prioridade para a adxudicación do servizo, e según corresponda en cada caso:

  • Certificado de familia monoparental vixente emitido pola Xunta de Galicia.
  • Acreditación de pertencer a outra asociación de familias monoparentais ou de estar inscritas no Registro FAMiliaS da federación de familias monomarentais (FAMS)
  • Acreditación de ser vítima de violencia de xénero ou doutras formas de violencia contra a muller (orde de alexamento vixente, dictada nos últimos 12 meses e/ou acreditación da condición de vítima de violencia de xénero emitida polos servizos sociais a efectos de solicitar o servizo “Vai Tranquila”).
  • Acreditación de ser muller en situación de risco de desemprego de longa duración.
  • Acreditación de pertencer a unha unidade familiar na que existan outras cargas relacionadas cos coidados (título de familia numerosa, certificado de discapacidade da persoa solicitante e/ou de persoas ao seu cargo…)

IMPORTANTE: As solicitudes para as que non se aporte a documentación acreditativa da prioridade de acceso ao servizo reclasificaranse, colocándoas na orde de prioridade que corresponda según a documentación aportada. Polo tanto, se procede, en base ao novo posto que ocupen na clasificación, poderán ser denegadas (aínda que inicialmente foran aceptadas) por non quedar acreditadas ditas circunstancias.

Autorizacións

Só nos casos que proceda, será necesario enviar asinados un ou varios documentos de autorización como anexos á solicitude. Pódense presentar na fase de adxudicación do servizo ou con posterioridade, cando se precise, durante a prestación do servizo. Só será necesario presentalas no seguintes supostos:

Cando a solicitude se trate dunha renovación do servizo (segunda ou posteriores solicitudes) non será necesario volver a mandar o resto de documentación complementaria (salvo que houbera variacións nos datos con respecto aos declarados na primeira solicitude).

FAGAMOS poderá requerir ás familias calquera outra documentación que se considere necesaria tanto no momento da solicitude inicial como cando xa se comenzara a prestar servizo, para valorar o acceso ao mesmo ou a súa continuidade.

Os datos persoais das familias e menores serán tratados coa máxima confidencialidade, conforme ao Regulamento Xeral de Protección de Datos (RGPD) e a lexislación vixente.

  • Calquera incidencia no servizo debe ser comunicada por escrito a asociacion@fagamos.com. Só no caso de urxencias, pódese contactar por chamada telefónica ou vía whatsapp co 633817849.
  • Salvo causa de forza maior debidamente xustificada, as modificacións ou cancelacións deben comunicarse con mínimo 1 semana de antelación, enviando un mail a asociacion@fagamos.com.
Retirada do acceso ao servizo

As seguintes situacións poden ser motivos de baixa no servizo o que implica a retirada de forma inmediata do dereito ao disfrute das horas asignadas e á posibilidade de volver a acceder ao servizo (nesta edición e incluso, en convocatorias posteriores).

  • Levar a cabo a cancelación dun servizo sen respectar os prazos establecidos e sen que medie unha urxencia debidamente xustificada documentalmente.
  • A familia debe respetar rigurosamente os horarios solicitados e concedidos. As faltas de puntualidade poderán ser motivo de retirada do acceso ao servicio.
  • Ausencia domiciliaria: prodúcese cando a persoa beneficiaria ou, no seu defecto, a persoa autorizada non está presente no domicilio no horario establecido para a prestación do servizo (asimilarase a ausencia domiciliaria a negativa a abrir a porta).
  • Non manter un trato correcto e cordial coas persoas que prestan o servizo, respectando as súas competencias profesionais. As faltas de respecto poden ser motivos de baixa da actividade.
  • Non se poderá prestar o servizo naqueles fogares nos que non se poida garantir a seguridade e integridade da persoa traballadora e do/da(s) menor(es).
  • Non atender á solicitude feita por FAGAMOS de persoarse a persoa beneficiaria ou autorizada a recoller ao(s) neno/a(s) no caso de producirse algunha incidencia ou emerxencia no servizo que impedira a súa continuidade.
  • Non respectar calquera das indicacións recollidas nas “Normas e condicións de uso do servizo”

Se fora necesario, o persoal técnico de FAGAMOS autorizado poderá persoarse no domicilio en calquera momento durante a realización do servizo, co obxectivo de supervisar que se cumplen as normas e condicións do mesmo.

FAGAMOS resérvase o dereito de modificar o contido das Normas e condicións de uso do servizo se así o considera necesario, co fin de garantir o seu bo funcionamento e o mellor aproveitamento dos recursos dispoñibles para o seu desenvolvemento. As Normas e condicións de uso do servizo vixentes estarán dispoñibles na páxina web www.fagamos.com mentres estea activo o servizo. No caso de que algunha modificación afectase directamente ás persoas que xa teñen concedido o servizo, serán informadas vía mail deses cambios.

Calendarios de servizo

Consulta aquí as datas e horarios dispoñibles na localidade que che interese.

Os calendarios son dinámicos o que quere dicir que as datas e horarios dispoñibles para cada localidade vanse abrindo e/ou pechando en función da demanda recibida, co fin de garantir o mellor funcionamento e aproveitamento do servizo e a optimización dos recursos dispoñibles (persoas traballadoras).

Cada localidade dispón dunha folla para cada mes de servizo habilitado. Para cambiar de mes, debes pinchar no link azul do mes que che interese.

  • Os cuadriños en branco son horas dispoñibles para solicitar o servizo.
  • Os cuadriños en cor gris son horas non habilitadas para o servizo.
  • Os cuadriños en cor laranxa son horas de servizo que xa están adxudicadas a algunha familia.

O calendario ten mero carácter informativo, para coñecer as horas dispoñibles, non se fai a reserva desde ahí. Para solicitar o servizo hai que descargar o formulario de solicitude e mandalo cuberto a FAGAMOS, por calquera das vías indicadas no apartado “Como facer a solicitude”.

Formulario de solicitude e anexos

 

 

 “Vai Tranquila” forma parte do programa “Currunchiños de Conciliación”, cofinanciado polo Plan Corresponsables. Ministerio de Igualdade, Goberno de España e pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia.