Como obter o certificado de familia monoparental en Galicia

Como obter o certificado de familia monoparental en Galicia

QUE SE CONSIDERA FAMILIA MONOPARENTAL EN GALICIA?

En Galicia, o certificado de familia monoparental o expide a Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

A definición de familia monoparental está recollida na Lei 3/2011 de 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, que foi modificada no 2021 pola Lei 5/2021 de 2 de febreiro de Impulso demográfico de Galicia, co fin de adaptar o concepto de familia monoparental á realidade social actual destas familias.

A Xunta recoñece coma familia monoparental  aquel núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal e os fillos e fillas ao seu cargo nos seguintes supostos:

  • Os homes e as mulleres que afrontan a paternidade ou maternidade en solitario.
  • As familias formadas por unha ou un cónxuxe viúvo e os fillos e fillas.
  • As familias formadas por un pai ou nai que queda a cargo das fillas e fillos sen que haxa custodia compartida.

Sempre que mediante a aplicación desta condición se obteña maior beneficio, teñen a mesma consideración que o fillo ou a filla as persoas unidas á única proxenitora ou proxenitor por razón de:

  • tutela ou acollemento
  • o concibido ou a concibida

As familias galegas que cumpran cos requisitos anteriores poden solicitar un documento oficial da Xunta de Galicia que  as certifique como familias monoparentais.

 

ATA QUE IDADE DOS FILLOS/AS?

  • Para considerarse familia monoparental os fillos/as deberán ter unha idade de ata 21 anos.
  • Maiores de 21 e ata 25  anos (ata o día anterior a cumprir 26) poderán figurar tamén se demostran que están matriculados nun centro oficial de estudos.
  • No caso de que o/a fillo/a teña unha discapacidade igual, ou superior ó 33% non hai límite de idade para considerarse familia monoparental. (Importante: non pode percibir ningunha axuda non contributiva a maiores pola discapacidade).
  • Pódese solicitar o certificado de familia monoparental no caso de fillos/as concibidos, aínda non nados, a partir da semana 21 de embarazo.

 

COMO SOLICITAR O CERTIFICADO

Desde o 15 de xaneiro de 2026, está habilitado un procedemento específico na sede electrónica da Xunta de Galicia para solicitar o certificado oficial de familia monoparental: procedemento BS427A . É a forma máis áxil de facelo.

Tamén existe a posibilidade de presentar presencialmente a solicitude a través de calquera rexistro oficial (rexistro da Xunta de Galicia ou dun Concello), ou por correo postal. Nese caso, a solicitude e a documentación indicada no procedemento BS427A debe dirixirse a:

Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica (Familia Monoparental)

Servizo de Apoio á Familia, Infancia e Adolescencia 

Xunta de Galicia

Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

 

DOCUMENTACIÓN NECESARIA PARA SOLICITAR POR PRIMEIRA VEZ O CERTIFICADO

En todos os casos débese presentar:

  • Solicitude (Anexo I)
  • Copia do/s libro/s de familia no/s que consten todas as persoas ou certificación de nacemento do Rexistro Civil de cada un dos/das fillos/as que forman parte da unidade familiar.

Adicionalmente, nos seguintes supostos, haberá que achegar tamén a documentación complementaria que corresponda en cada caso:

  • Persoas viúvas:

Certificado de defunción, no caso de que non figure no libro de familia.

  • Se no libro de familia aparecen dúas persoas proxenitoras:

Copia da sentenza de nulidade, separación ou divorcio ou da resolución xudicial que estableza medidas paterno-filiais dos fillos/as comúns nas unións de feito e/ou do convenio regulador, ou calquera outro medio válido en dereito que permita acreditar as ditas medidas. Solo cando o/a proxenitor/a queda a cargo dos/das fillos sen que haxa custodia compartida (no caso de que haxa custodia compartida non procede a solicitude do certificado).

  • Se hai fillos/as maiores de 21 anos e ata 25 anos:

Documentación acreditativa de que están a estudar (certificado expedido polo centro educativo ou matrícula xunto co xustificante de pago da mesma). Estarán exentos as fillas e fillos maiores de 21 anos cunha discapacidade igual ou superior ó 33%

  • Se hai fillos/as maiores de 21 anos cunha discapacidade igual ou superior ó 33%:

Anexo II de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas (Anexo II)

Copia do certificado de discapacidade ou solicitude de revisión de grao dos/das fillos/as , só no caso de que fose emitido por outra Comunidade Autónoma.

  • Se hai tutela, adopción ou acollemento familiar dos/das menores:

Copia da resolución xudicial ou administrativa que declare a tutela, adopción ou acollemento familiar, só cando se trate de procedementos formalizados fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

  • Se hai fillos/as concibidos/as, aínda non nados/as:

Informe médico asinado por unha persoa colexiada na Comunidade Autónoma de Galicia, que acredite que se iniciou a semana 21 de embarazo na data de presentación da solicitude, data previsible de parto e número de fetos (agás que se trate de xestantes que sigan o embarazo no  Servizo Galego de Saúde-Sergas, nese caso non é necesario achegar o informe).

COMPROBACIÓN DE DATOS

Para a tramitación da solicitude, agás que a persoa interesada indique nos formularios de solicitude (anexo I e anexo II) que se opon á súa consulta, a Xunta comprobará automáticamente os seguintes datos:

  • DNI ou NIE da persoa solicitante e dos seus fillos/as.
  • Certificado de datos de convivencia actual.
  • Certificado negativo de inscrición no rexistro de parellas de feito.
  • Certificado de discapacidade expedido pola Xunta de Galicia (cando proceda).
  • Resolución xudicial ou administrativa que declare a tutela, adopción ou acollemento familiar, cando se trate de procedementos formalizados na Comunidade Autónoma de Galicia (cando proceda).
  • Acreditación de atoparse na semana 21 ou posterior de xestación, no suposto de seguimento de embarazo polo Servizo Galego de Saúde (cando proceda).

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán achegar os correspondentes documentos.

 

PRAZO DE RESOLUCIÓN DA SOLICITUDE

O prazo máximo que ten a Xunta para resolver a solicitude de certificado de monoparentalidade é de tres meses, a contar desde a súa data de presentación.

No caso de que a documentación presentada esta incompleta, a Xunta solicitará a correspondente subsanación. Nese caso, deberase achegar a documentación requerida no prazo de 10 días hábiles, que comezarán a contar o día seguinte ao da recepción do requerimento. Esta documentación pode presentarse accedendo ao expediente desde a zona privada da sede electrónica da Xunta, premer no botón Acciones do expediente e escoller a opción Subsanación. Tamén pode achegarse a través de calquera rexistro oficial ou por correo postal ao enderezo da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica (Familia Monoparental) indicada arriba.

Unha vez emitido o certificado, enviarase á persoa solicitante mediante a modalidade indicada para a notificación no formulario de solicitude (electrónica ou en papel por correo postal).

Tamén se poderá acceder ao certificado en formato dixital desde o móbil a través da app XuntaEu. Como acceder desde o móbil ao certificado dixital de familia monoparental.

VIXENCIA DO CERTIFICADO

Os certificados solicitados ou renovados desde o 15 de xaneiro de 2026 teñen a seguinte vixencia:

  • Con carácter xeral, no caso de homes ou as mulleres que afrontan a paternidade ou a maternidade en solitario, ou as familias formadas por unha ou un cónxuxe viúvo e os seus fillos, a vixencia do certificado será ata que o fillo ou filla menor cumpra 26 anos.
  • Nos restantes casos (familias formadas por un pai ou nai que queda a cargo das fillas e fillos sen que haxa custodia compartida) a vixencia do certificado será con carácter xeral de 5 anos desde a data de solicitude.
  • Os certificados emitidos a mulleres xestantes, terán vixencia ata a data prevista de parto e haberá que renovalo cando naza o/a(s) bebé(s).
Os certificados solicitados ou renovados con anterioridade ao 15 de xaneiro de 2026 manteñen a vixencia indicada no propio certificado, non se ampliará a súa vixencia automaticamente. Cando esta venza, poderá solicitarse a súa renovación e o novo certificado emitirase cos prazos de vixencia que contempla o actual procedemento.

 

RENOVACIÓN DE CERTIFICADOS CADUCADOS

O trámite da solicitude de renovación é a mesma que para a obtención do primeiro certificado. Para facelo, débese utilizar o procedemento BS427A da sede electrónica da Xunta

A solicitude de renovación pode facerse, como máximo, tres meses antes da data de caducidade do certificado.

 

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.